O presidente da Fundación, o Dr. Simón Pardiñas López realizaba hoxe xoves 20 de febreiro a presentación oficial da Fundación ClínicaPardiñas no vestíbulo do teatro Colón da Coruña.
A Fundación créase co obxecto de atender a saúde bucodental daquelas persoas de sectores desfavorecidos que non poden permitirllo. Pretende ofrecer un tratamento básico de prevención e asistencia buco dental que non cobre a seguridade social, sen substituír esta na prestación de servizos, senón fomentando o seu uso.
Cáritas e Renacer, colaboradores da Fundación, serán os que poñan en contacto esta Institución cos seus usuarios a través dun filtro personalizado dos casos, que fará posibles a avaliación e o diagnóstico por parte dos doutores.
Os servizos diríxense a persoas empadroadas en municipios galegos que pertenzan a algún colectivo desfavorecido como: persoas en risco de exclusión social, familias numerosas, desempregados, orfos, mulleres maltratadas, persoas con minusvalía, enfermidades dexenerativas ou de baixa incidencia.
A Fundación ofrece a estes colectivos servizos de odontoloxía xeral, periodoncia e ortodoncia totalmente gratuítos para nenos e cun prezo simbólico de 10 euros para adultos. Os fondos recadados destinaranse sempre ao desenvolvemento da Fundación. A fundación Clínica Pardiñas persegue tamén un fin docente poñendo en marcha cursos de formación e bolsas de estudo para profesionais. O seu presidente, o doutor Simón Pardiñas, asegurou que a idea deste proxecto xurdiu como unha necesidade “de devolver á sociedade galega algo do que nos deu”
A coordinadora de Cáritas, Mertxe Carrión, remarcou a importancia deste proxecto, xa que para a maioría de persoas ás que vai destinado, sería imposible custear o gasto doutro modo nun aspecto fundamental da saúde. Como recordou o fundador de Renacer, o tamén doutor José Fernández Pernas, este aspecto afecta non só á parte de saúde física bucodental senón tamén á saúde psicolóxica e integral do paciente.